Sunday 19 de May de 2024

A nova planta de compostaxe de Areosa poderá producir ata 4.000 toneladas de abono de calidade para a agricultura


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio salienta que a posta en marcha desta infraestrutura contribuirá ao obxectivo de, antes de 2020, reciclar o 50% en peso dos residuos domésticos e comerciais en España

A nova planta de compostaxe de Areosa poderá producir ata 4.000 toneladas de abono de calidade que poderá ser aplicado na agricultura sen restricións. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou esta mañá esta nova instalación, dependente do Complexo Medio Ambiental de Sogama, nas que se investiron máis de 2,5 millóns de euros para a súa execución.

Indicou que as previsións sobre a produción da planta, ubicada nas dependencias do vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, son que produza cada ano entre 3.000 e 4.000 toneladas de abono, aínda que ten capacidade para procesar 15.000 toneladas anuais.

Recordou que a posta en marcha desta infraestrutura, contribuirá ao obxectivo a nivel de Estado de, antes do 2020, reciclar o 50% en peso dos residuos domésticos e comerciais; ao tempo que se da resposta aos retos do Plan Autonómico de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, ao Plan Estatal Marco de Residuos (PEMAR) 2016-2022; e ao Paquete Europeo de Economía Circular, onde un dos seus principais obxectivos é precisamente pechar o círculo da reciclaxe e aproveitamento da materia orgánica para devolvela á terra en forma de compost.

Vermicompostaxe
A conselleira de Medio Ambiente sinalou que está non é a única iniciativa en relación coa compostaxe e destacou un proxecto, en fase experimental, como é o vermicompostaxe. Trátase de lombrigas de terra que protagonizan o proceso, ao inxerir a materia orgánica que logo excretan en forma de humus, un potente fertilizante de solos que, segundo expertos na materia, supera ata as bondades do compost doméstico. Na actualidade, esta iniciativa experimental de compostaxe está probándose en tres concellos da provincia da Coruña (Carballo, Narón e As Pontes), dous centros educativos ( IES Antioquía de Xinzo de Limia e a Escola de Educación Infantil de Verducedo de Moaña) e un colectivo social (o Centro penal de Monterroso).

Tamén recordou que Sogama puxo en marcha un ambicioso programa de compostaxe doméstica ao que se adscribiron 232 entidades (142 concellos das catro provincias, 78 centros educativos e 12 colectivos sociais), entre as que xa distribuíron máis de 7.500 composteiros.

Ampliación de Sogama
Beatriz Mato destacou que outras das iniciativas que axudará a que Galicia sexa un referente en materia de tratamento de residuos será a ampliación do complexo industrial de Sogama, cuxas obras comezaron no mes de outubro co obxectivo de incrementar a súa capacidade nun 81%, pasando das 550.000 toneladas anuais a 1 millón.

“Sogama estará preparada para tratar en condicións óptimas todos os residuos domésticos producidos en Galicia”, indicou Mato Otero coa particularidade de que terá capacidade para multiplicar por catro a súa achega ao reciclado, enviando da orde de 120.000 toneladas anuais de materiais aos centros recuperadores e para minimizar o depósito en vertedoiro, pretendendo chegar ao vertido técnico cero.

Para rematar, a conselleira salientou que o Goberno galego traballa a prol da implantación da Economía Circular en Galicia, un plan que ten como principais obxectivos: previr e reducir a produción de refugallos e, por suposto, transformar os residuos en recursos. O cometido destas instalacións é precisamente poñer en valor a fracción orgánica procedente dos sistemas de recollida selectiva municipal.